Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta apoia a contratación de 16 traballadores en empresas da comarca de Ferrolterra a través do programa Galicia Emprega


Ovidio Rodeiro visitou un dos beneficiarios destas achegas que teñen como obxectivo financiar a formación e a contratación de colectivos con máis dificultades para atopar un emprego

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a empresa Stg Diseño y Multimedia, unha das beneficiadas pola orden de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Galicia Emprega, con 15.000 euros, e concretamente da liña Emprega Muller.

O representante do Goberno autonómico destacou que o Galicia Emprega, ten como obxectivo apoiar a formación e contratación de persoas pertencentes aos colectivos con mais dificultade para obter un posto de traballo, como son mulleres desempregadas, parados de longa duración, mozos e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión.

Concretamente, o Galicia Emprega na comarca de Ferrolterra apoia a contratacións de 16 persoas, das cales 6 correspóndense coa liña Emprega Muller, 7 coa liña Emprega Xuventude e 3 coa liña Emprega Parados de Longa Duración. En total, estas contratacións contan cunha achega da Xunta de máis de 128.000 euros.

As empresas beneficiadas están situadas nos concellos de Ferrol, Narón, Monfero, Cedeira, Neda, Fene e Ortigueira.

O delegado territorial informou que “estamos financiando a formación e a contratación”. Por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial. A cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses a xornada completa para que reciban unha formación mínima de 50 horas incentívase con 2.000 euros. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4.000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.

Tamén se ofrecen incentivos á contratación ás empresas que impulsan a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa. Ovidio Rodeiro destacou como novidade que en todos os casos aumentan nun 25% para aquelas empresas de máis de 50 traballadores e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70% e noutro 25% no caso de que a actividade pertenza a un sector estratéxico.

Ovidio Rodeiro tamén informou que o pasado xoves, no Consello da Xunta, autorizouse por anticipado de gasto, unha nova edición do Galicia Emprega, un programa co que apoiará o próximo ano a formación e a contratación de máis de 1.100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión, para impulsar, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, un dos retos principais da Axenda 20.

Galicia Emprega contará cun orzamento de 10,5 millóns de euros -un 12% máis ca na convocatoria deste ano- para fomentar o traballo na Comunidade. Esta convocatoria volve a incluír as catro liñas de axudas -Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude. Impúlsase, deste xeito, a contratación dual en catro dos colectivos prioritarios da Xunta á hora de acceder ao mercado laboral.